A despedida de Cilenis

 

Reproduzo aquí o artigo nunca publicado co que pechabamos Cilenis.

Cilenis foi unha empresa spin-off da liña de investigación ProLNat liderada por Pablo Gamallo na Universidade de Santiago. O noso obxectivo, como o da maioría das spin-off, era levar ao mercado as investigacións en Procesamento de Linguaxe Natural (NLP) que se levaban facendo no grupo. Comezamos a madurar a idea de emprender en 2010, cun contexto económico devastado pola crise de 2008 e sabedores que o xa precario sistema de investigación tiña un negro futuro. Así que en 2011 decidímonos e lanzamos Cilenis aos poucos, cun equipo pouco definido e tratando de facer consultoría NLP. A inexperiencia, a forma de traballo, un equipo envolvido parcialmente e sobre todo a falta de traballos fixeron que nos plantexáramos un cambio radical. En 2012 refacemos a estratexia de Cilenis, máis orientada ao Software as a Service, definimos un equipo con implicación total, ampliamos a base de traballadores e incluimos como inversor a Marc Vidal. Á vez o boom emprendedor comezaba a nivel mundial, polo que tamén comezamos a buscar inversión para o noso proxecto máis querido, Avalingua, un corrector e avaliador intelixente. Lanzamos cilenisapi.com como solución SaaS de NLP para negocios e Linguakit.com como NLP para as persoas. Estes cambios e novos produtos deron o seu froito en 2015, un bo ano para Cilenis no que paradoxalmente decidimos cesar a actividade.

Entón porqué parar no mellor momento? A razón principal foi que as persoas do noso equipo levaban tempo recibindo moi boas ofertas profesionais, tanto a nivel económico como de proxección futura. Sempre tivemos moi claro que as persoas estarían por riba do proxecto, o que levaba, en boa lóxica, a que continuaran as súas carreiras en novos espazos. Levar adiante unha empresa con alta carga de investigación require de profesionais ben preparados que non pasan desapercibidos no mercado laboral. Houbo máis motivos que nos empurraron a tomar esta decisión como a rotura de compromisos firmes dalgunhas institucións que botaron abaixo proxectos clave, a imposibilidade de conseguir financiamento para Avalingua ou a falta de retorno dalgún dos produtos. En calquera caso superables de contar co equipo que levou adiante o proxecto ata ese momento.

Que fixemos mal? Pois tantas cousas que é dificil sintetizalo e á vez temos a impresión de que a maior parte das decisións se tomaron conscientes e con xeito. En xeral acertamos cando creamos software que puidera usar o público final (conxugadores, apps, Apalabrados, linguakit.com) pois ainda que o retorno era pequeno si nos deu credibilidade e nos abriu portas. Tamén acertamos cando fixemos proxectos de consultoría B2B para grandes contas, custa moito esforzo a busca de clientes, as innumerables reunións e viaxes, o peche de contratos, pero despois os resultados foron moi bos. Todo o resto de cousas que fixemos foron erros que trataría de evitar se tivera a máquina do tempo, como facer consultoría xeral informática, recorrernos o ecosistema de aceleradoras e “concursos” de emprendemento, esforzarnos en internacionalizar antes de tempo, adicar pouco tempo tempo a vender, comunicar e reunirnos con posibles clientes, confiar nas posibilidades da API Economy e unha chea de cousas máis.

Se de autocrítica falamos, temos que recoñecer que non fomos grandes comunicadores, mesmo tendo un proxecto tan interesante como foi Cilenis polo que tiña de desafío, saíndo dunha facultade de letras, cun equipo sen experiencia empresarial, nunha área tecnolóxica (NLP) que pasou da irrelevancia a tendencia a nivel mundial con empresas semellantes a nós como AlchemyAPI comprada por IBM ou a permanente sensación de maxia que da a quen a utiliza esta tecnoloxía. Ao txer recursos limitados pasa como coas mantas pequenas, ou tapas a cabeza ou tapas os pes; e nós deixamos os pes fríos para ter a cabeza quente.

Se algo tivo certo impacto a nivel de uso foi Linguakit.com, que leva máis de catro millóns de consultas e 30 mil usuarios rexistrados. É por iso que Linguakit.com terá continuidade na plataforma web, movil, API (antes coñecida como CilenisAPI) e tamén como proxecto open source do grupo de investigación. É un xeito de darlle continuidade a éste proxecto, gracias aos lazos persoais que se crearon durante este tempo.

Por último, os agradecementos. Non quero facelos nominativos porque cada persoa implicada en Cilenis soubo en cada momento o importante que foi para este proxecto. Se de algo estamos orgullosos é de ter mantido o grupo unido e de atoparnos xente extraordinaria que se envolveu no proxecto con todo. Tamén tivemos grandes apoios fora da oficina, algúns deles sen ser conscientes do que contribuíron ao proxecto. A todos vós moitas gracias e ata a próxima!